Thursday 02 de May de 2024

O Concello inicia os traballos para remodelar a rede de saneamento na contorna da praza da Concordia


Desde esta semana están substituíndose os antigos colectores subterráneos, afastándoos da área de xogos e lecer da praza e renovándose as tubaxes para reforzar a seguridade en caso de fugas

O Concello da Coruña, a través do servizo municipal de Infraestruturas, iniciou esta semana os traballos para remodelar o percorrido actual dos colectores asociados á rede de saneamento na contorna da praza da Concordia, situada no barrio do Castrillón.

As obras comezaron o pasado martes 11, tras acoutarse o treito da avenida da Concordia que está a ser obxecto de avaliación, concretamente entre os números 38 e 42 da avenida.

Neste enclave, lindeiro á praza da Concordia e que conflúe coa travesía da Cerca, estase a modificar o antigo trazado dos colectores, afastándoo da propia praza co obxectivo de que as tarefas de mantemento que se leven a cabo no futuro non afecten á configuración e usos habituais da área de xogos e lecer disposta na praza da Concordia.

Desta forma, e aproveitando a intervención para relocalizar os colectores de fecais, Infraestruturas está a instalar novas tubaxes, substituíndo os colectores antigos, feitos con base de gres e con 200 mm de diámetro exterior, por uns novos, de PVC e cun diámetro máis amplo, de 315 mm. Baixo estes parámetros, ademais de renovarse os materiales, apóstase por un diámetro exterior que reforce a seguridade fronte a posibles fugas.

A previsión do servizo municipal de Infraestruturas é que os traballos na rede de saneamento entre os números 38 e 42 da avenida da Concordia rematen, aproximadamente, na segunda semana do mes de maio.